Libros e lectura
O 64% dos nenos menores de 14 anos len por propia iniciativa
A poboación lectora creceu nos últimos anos a pesar do avance das novas formas de lecer tecnolóxico
Autor: Luís Pousa
Data de publicación: 9/4/2008
Hai tan só unhas semanas un pesimista Philip Roth ditaba sentenza contra a cultura do papel. «As pantallas derrotáronnos», admitía abatido o autor de Zuckerman encadeado . Referíase, claro, ao efecto devastador que se presume que as novas tecnoloxías causaron na chamada galaxia Gutenberg. Segundo as teses máis catastrofistas, o libro é un animal en perigo de extinción ante o imparable avance de Internet, a televisión por cable e os videoxogos. Pero os queixumes dos que profetizan o apocalipse da letra impresa chocan coa contundencia dos datos.
O Anuario sobre o libro infantil e xuvenil 2008
, que acaba de publicar a editorial SM, sostén con cifras e estatísticas que hai unha canteira sólida: o 90% dos nenos menores de 14 anos len habitualmente e, o que é máis importante, entre estes, o 64% len por propia iniciativa, fronte ao outro 35,8% que o fan por recomendación (o que, á súa vez, se desglosa nun 12,7% que len ocasionalmente, aínda que non lles gusta e un 23,1% que o fan exclusivamente por obrigación escolar).
Segundo o estudo de SM, que recolle neste punto os datos do Informe de hábitos de lectura , a franxa de idade dos menores de 14 anos é a que posúe un índice de lectura máis elevado (90,3%), cifra que se vai reducindo paulatinamente a medida que aumenta a idade: de 14 a 24 anos len un 72,1%; de 25 a 34 anos, un 61%; de 35 a 44, un 60,1%; de 45 a 54 anos, un 56,2%; de 55 a 64, un 56,2%; e, de máis de 65 anos, un conciso 31,1%. De feito, engade o estudo de SM, o investimento de 150 millóns de euros que supuxo a posta en marcha do Plan de Fomento da Lectura traduciuse nos últimos catro anos nun crecemento do 6% da poboación lectora, que se sitúa agora nun 58% (dos cales un 59,6% son mulleres, e un 51,4%, homes). As estatísticas do último lustro veñen confirmar o perfil xa coñecido do lector medio español: muller novo , con estudos universitarios, que vive nunha gran cidade e que habitualmente le novelas.
Da consola ao MP3
O estudo de SM subliña o revolucionario cambio que experimentou o lecer dos nenos e mozos españois desde mediados dos anos noventa. Da rúa pasou ao fogar, concretamente á habitación dos pequenos, onde aniña o despregamento tecnolóxico. No seu cuarto, que era o lugar tradicionalmente destinado á lectura, os nenos dispoñen agora de Internet, televisión, videoxogos, teléfono móbil, MP3, lector de deuvedé e demais #aparato\\\ audiovisual. A metade navegan pola Red , un terzo posúen móbil propio e un 73,7% dispoñen de videoconsola, datos que, como apunta o informe, probablemente xa estean trasnoitados tras o bum de vendas do último Nadal.
Como contrapunto ao avance destas formas de lecer tecnolóxico, o anuario sinala o auxe da prosa fantástica (aí está o rotundo éxito de Harry Potter ) e a renovación dos álbums ilustrados, un xénero que en Galicia viviu un significativo crecemento (tanto en cantidade como en calidade) coa achega de selos como Kalandraka e Oqo. Dous indicios de que, con talento e imaxinación, talvez as pantallas non acaben derrotando á literatura.
La Voz de Galicia

Chúzao
del.icio.us
¡Ola! A min gústame moito ler, teño moitos libros que leo e que me gustan.Pero a mágoa é que cada vez hai menos xente que le libros. Como di o señor que escribiu este texto, os libros están en perigo de extinción. Tamén é certo que as novas tecnoloxías fan que nós non leamos libros, ademais para min estes son unha gran axuda, aprendes novas frases, palabras,a redactar...
¡Adeus!
¡Ah! e recordade:¡A ler moito!
Sara García Paz | 09-04-2008 - 09:15:44 GMT 1 #
Este traballo ten moita razón, se seguimos lendo tan pouco, e non parando de xogar coa consola, chegará o momento en que non seberemos nin escribir de tan apampados que nos deixan.
Hai que ler un libro ao mes tan sequera, para non perderes a imaxinación.
Estefanía | 09-04-2008 - 09:17:39 GMT 1 #
A min gústame moito ler. Nunha semana podo devorar dous libros.
Penso que a xente aínda non sabe que a consola, teléfono móbil... aburren. Como me pasou a min. Unha parte dos nenos e nenas que coñezo afirman non apreciar a lectura.
A min desde pequena gustáronme moito os libros. O que di que non os aprecia é porque non sabe ler. Mentres di que o fai está na lúa.
Rebecaln | 09-04-2008 - 09:24:10 GMT 1 #
¡Ola!
Son Alejandro, e o motivo polo que deixo un comentario nesta noticia, é
porque quedei totalmente impresionado
coa gran verdade que Luis Pousa saca á luz na Voz de Galicia.
É algo triste, pero a crúa realidade.
Parece mentira que nós, o ser vivo mais avanzado, caeramos nos dominios da ``Game Boy´´ ou do MP3, e non falar xa da caixa tonta, que nos ten embobados.
Alejandro | 09-04-2008 - 09:34:57 GMT 1 #