Dióxido de carbono
O dióxido de carbono, ou anhídrido carbónico é un composto químico constituído por dous átomos de oxíxeno e un átomo de carbono. A representación química é CO2.
É un gas incoloro, inodoro e insípido, de fórmula CO2, que se produce pola oxidación completa do carbono nos procesos biolóxicos e industriais ou como consecuencia dos incendios forestais, por poñer dous exemplos a parte da expiración humana.
Debido á utilización, cada vez maior, dos combustibles fósiles e á proliferación dos incendios forestais, a porcentaxe de dióxido de carbono na atmosfera está aumentando progresivamente desde o inicio da revolución industrial (a mediados do século XVIII era do 0,0289%, a mediados do século XX do 0,030% e a finais del, do 0,035%), polo que constitúe un contaminante atmosférico que contribúe ó incremento do efecto invernadoiro e, consecuentemente, á elevación da temperatura da atmosfera, cun imprevisible efecto sobre os cambios climáticos.
Denomínase efecto invernadoiro á absorción, por parte da atmosfera, de emisións infravermellas impedindo que escapen ó espazo exterior aumentando polo tanto as temperaturas medias do planeta.
O efecto invernadoiro evita que a calor do Sol deixe a atmosfera e volva ó espazo. Isto quenta a superficie da terra co cal se produce o efecto de invernadoiro. Existe unha certa cantidade de gases de efecto de invernadoiro na atmosfera necesaria para quentar a terra.
Actividades como a queima de combustible fósil emiten gases (especialmente, dióxido de carbono, CO2)que actúan impedindo que escape a calor. Moitos científicos consideran que como consecuencia se está producindo o quentamento global.
(Texto de Wikipedia; gráfico do Concello da Coruña: Cambio climático)

Chúzao
del.icio.us