Diante destes señores
e desta xente de ben
quixera eu preguntar:
¿”este galán a que vén”?
A que vén eu cho direi,
non che negarei verdade,
vénche por pasar a noite
que é tempo de mocidade.
A resposta xa está dada,
mozo que tan ben a deches,
se non sabes o camiño
volve por onde viñeches.
O camiño ben o sei
xa o vexo dende aquí.
Só quixera eu levar
esta rosa ó par de min.
A rosa non levarás
nin tan vela quererás
por causa do río noso
nin a man lle poñerás.
Por causa do río noso
nin a man lle poñerei
pero casarme con ela
de grande gusto o farei.
¡Ai, galán, por vida túa.
ai, galán, por vida túa!
Esta rosa na roseira
antes doutro que non túa.
¡Adeus, miña pequeniña!
que tocan a recoller,
se che quedan soidades,
por aquí hei de volver.
Non me quedan as soidades
nin ganiñas de te ver,
hora boa, hora mala,
non tes a que volver.
Hora boa, hora mala,
a min moito me agradou,
hora boa vas mandar
ao corral que te criou.
O corral que me criou
a ti non che debe nada,
se fora que che debera
moi correndo che pagara.
Ti es moi abundante,
a teus pais nada lles sobra,
como es tan boa moza
non falta quen te socorra.
Anque non son boa moza,
de guapos son pretendida.
¡Ándate ti, o bo mozo,
de que che terei envidia !
(Recollido na zona de Santiago)