
Un grupo de notables da cidade quería facerlle un agasallo extraordinario ao ditador. El, xeneralísimo dos exércitos de Terra, Mar e Aire, e a quen hoxe mesmo os xornais chaman Espada do Altísimo, tiña, non obstante, unha espiña cravada no seu orgullo. A de non entrar de mozo na Escola da Armada. A súa ambición era ser almirante. Por iso, cando acadou o poder absoluto o traxe preferido, que vestía nas datas especiais, era o de gran gala dos mariños, o que puñan os almirantes en Ferrol só en Venres Santo. É con ese uniforme co que fai un significativo autorretrato, coa Gran Cruz Laureada de San Fernando no peito e uns prismáticos na man. Os poderes locais xa lle entregaran o señorial pazo de Meirás e el viaxou en 1.937 á Coruña, en pleno período de guerra, para tomar posesión da propiedade. Logo foi agasallado co mellor edificio da Cidade Vella, a Casa Cornide. O home máis rico da cidade, o banqueiro Barrié, vendeulla por un peso, cinco pesetas. Un troco moi emotivo, non carente de simbolismo. Franco pagou cunha desas pequenas moedas na que estaba acuñado o seu rostro circundado pola lenda de “Caudillo de España pola graza de Deus”. O banqueiro sería agasallado co título de Conde das Forzas Eléctricas do Noroeste. Non, non procedía competir en novos valores catastrais. Agora que se ía achegando a data en que se cumprían os vinte e cinco anos de providencial xefatura, o novo agasallo tiña que ser algo moi simbólico, abraiante, que puidera sorprender a Franco, que lle chegara ao corazón. Por que non algo que fora alén do almirantado?
A idea xurdiu nunha cea no Náutico, presidida polo gobernador. Todos están de acordo. O gobernador está de-sexando oír ese “algo” para asumir a proposta como se fora propia. Entre os asistentes, Máximo Borrell, o compañeiro de pesca preferido por Franco, que lle outorga ante todos a categoría de “íntimo amigo”, polo que a súa opinión vén ter o rango de plácet. A proposta partiu do xuíz Ricardo Sa-mos, con ese saber histórico, bélico, habería que dicir, e a quen, por faceren vidas paralelas, o gobernador ten por ín-timo, pois é un dos seus compañeiros de caza. Samos ten unha información moi importante. Unha pista. Lembrara unha antiga conversa de mariños, na que estaba presente o pai. Si, existía algo á altura do que demandaba a Historia e que podería conmover a Franco, desafío non doado.
Unha capa de maxestade, de rei.
Soa ben, dixo o gobernador. Soa de marabilla.
O xuíz explicouse. Nunha ocasión fixérase unha capa de gala para o rei Afonso XIII co gallo dunha prevista visita a Galicia, pensada para abrigar o corpo real nunha exhibi-ción da Armada na súa honra. Máis aquela cerimonia por-tentosa non chegou a celebrarse. Suspendeuse pola tempes-tade. O rei non probou a capa. Nin sequera foron recollela. Por eses enredos da burocracia, ninguén quixo facerse res-ponsábel do encargo. Así que o xastre decidiu que a usaría el. Era unha magnífica capa. E segue a selo. Porque esa capa existe.
E só a puxo o xastre?
O único. Pódese dicir que foi de proba.
O xuíz sacou unha nota do interior da americana. Leu: “Capa de Gala da Armada para Afonso XIII. Pano de armur azul mariño, colo de veludo azul noite con soutache en fío dourado, forro colorado, e de peche un alamar trenzado en oitos de cordón de ouro. A prenda atópase en regular esta-do de conservación, e é recuperábel, malia o abandono nos últimos anos. O alamar está en parte esfiañado, o soutache do veludo totalmente gastado e hai unha esgazadura no armur pola parte do ombreiro dereito, así como descosidos nas costuras do pano e o forro. Aínda que de boa calidade, o veludo require un tratamento específico por atoparse amazocado. Para este mester e que luza no seu esplendor cómpren labores moi específicos de zurcido invisíbel, pois desaconséllase totalmente o uso de novos materiais que desvirtuarían o valor histórico da peza”
Pois non parece tan do trinque, Samos, dixo o gober-nador, con desazo.
É unha peza única. Histórica. Non pensen nos rotos, pensen no significado. A capa feita para o rei é estreada en público por Franco. Excelencia, ofrecémoslle humildemente esta capa como Maxestade do Mar.
Con esas palabras! Con esas mesmas palabras! Así, si. Anote esas palabras.
Non se me esquecen, dixo Samos.
Pero a min, si. Que non se nos vaia o santo ao ceo.
Non, non valen remendos. É un labor moi difícil, moi delicado. De cirurxián. Quen pode facer iso, informan ao gobernador, son as monxas do Servicio Doméstico. Son elas quen transmiten a arte do zurcido invisíbel. Cando lle levan o encargo á madre Asun, ela pestanexa e torce a expresión. Hai que traballar con fíos escasísimos, aproveitar filamentos do tamaño das cellas. Xa non ten ollos nin mans para seme-llante obra.
Quen pode facelo con garantías?, pregunta o secretario do gobernador, que non quere volver fracasado da misión especial. Que pida o que queira.
Isto só o pode facer Silvia.
“Os libros arden mal” de Manuel Rivas